BANDO
DON MANUEL ÁNGEL OTERO LEGIDE, ALCALDE
DO EXCMO CONCELLO DE MONDOÑEDO
FAI SABER:
Que: Ante a proximidade da celebración do San Xoán recordar a todos/as veciños/as a necesidade de pedir permiso para a celebración da tradicional fogueira na noite do 23 ao 24 de xuño.
Esta solicitude hai que facela no Concello, nas oficinas xerais. O prazo está aberto dende o 1 ata o 18 de xuño ás 14.00 horas (ambos inclusive).
Será de obrigado cumprimento e teranse en conta as seguintes indicacións:
- Unicamente poderán ser realizadas aquelas fogueiras que teñan efectuada a comunicación, por escrito, ao Concello de Mondoñedo. As fogueiras poderán realizarse unicamente o día 23 de xuño dende as 19.00 horas, as cales deberán quedar perfectamente apagadas antes das 04:00 horas da madrugada, de acordo co horario establecido pola Xunta de Galicia na Orde de 23 de outubro de 2020 pola que se determina o horario de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas. Haberán de cumprirse ademais, as normativas sectoriais de ruído, lumes, horarios, etc.
- Por mor da seguridade non fagan mores dunha altura elevada.
- Non se poderá facer a fogueira preto de lugares con vexetación.
- Deberán situarse en zonas idóneas para estes fins. Non poderán realizarse en terreos que teñan natureza forestal, ou que estean preto deles ou de vexetación susceptible de propagar o lume (Art. 36 da Lei 3/2007, de 9 de abril), nin baixo o arboredo de parques e xardíns.
- A distancia das fogueiras ás casas, árbores e demais obxectos será de 20 metros como mínimo. O diámetro máximo de zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros. Non deberán situarse coches ou outros vehículos de tracción mecánica a menos da distancia mínima sinalada, nin por suposto, depósitos de combustible ou almacéns de substancias especialmente inflamables. Porase especial coidado de non situalas preto dunha zona forestal, nin baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, e ter conta de que nos arredores non haxan produtos inflamables.
- No suposto de que a fogueira se faga sobre terreos de uso público lousados, asfaltados ou pintadas, os/as organizadores/as encargaranse de protexer o pavimento e pintura cunha capa de area de 10 cm. en toda a superficie da fogueira.
- Os titulares da finca en que se realicen serán responsables dos danos que poidan ocasionar con motivo da mesma.
- Tamén prohíbese facer fogueiras preto de elementos que constitúen o patrimonio histórico, aos efectos de evitar calquera tipo de dano.
- Non poderá iniciarse ningunha fogueira cando as condicións metereolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento. Asemade, se iniciado o lume se producise a aparición de vento intenso, procederase a apagalo.
- Eviten usar nas fogueiras materiais que co vento poidan provocar un incendio (ramas de eucalipto, papeis...).
- Non utilicen na fogueira materiais contaminantes (neumáticos, aerosois...).
- A persoa responsable deberá ter a man medios adecuados para a extinción do lume. Procuren ter auga preto para actuar ante posibles escapes.
- Non se abandonará a vixilancia da fogueira ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas. Deberase deixar apagado o foco antes de marcharse e recollido os restos; en caso de vento non se poderá levar a cabo o prendido da mesma.
- Queda prohibida a tirada de fogos de artificio.
- Nos casos de que o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo, o día da celebración, se entenderán revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade.
Autorización:
- ENTENDERANSE AUTORIZADAS AS FOGUEIRAS SOLICITADAS SE NON MEDIA DENEGACIÓN EXPRESA PREVIA Á DATA DA CELEBRACIÓN, E SEMPRE E CANDO SE CUMPRAN AS MEDIDAS E CONDICIÓNS SINALADAS NESTE BANDO.
Responsabilidades:
- A autorización outorgada non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos ou perdas a que houbera lugar no caso de que o solicitante concorra en neglixencia ou imprudencia.
Revogacións:
- Este Concello, por iniciativa propia ou por instancia do Servizo Territorial de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, poderá revogar a autorización nos casos que non sexa posible garantir as medidas de seguridade e prevención de incendios.
- En caso de incumprimento do indicado, ou de queixas fundamentadas dos veciños/as, poderase requirir a extinción das fogueiras.
Observacións:
- Non son obxecto de regulación por este Bando as comunicacións de queima de restos agrícolas amoreados, nin as autorizacións de queima de restos forestais, cuxa competencia lle corresponde á Consellería de Medio Rural..
- O cumprimento destas normas poderá ser comprobado pola Policía Local, polos Bombeiros, e/ou por Axentes Forestais do Distrito Forestal VI, que darán conta das incidencias/infraccións detectadas.
En caso de ter problemas deben chamar ao 085 (Bombeiros) ou 112 (Emerxencias)
(chamada gratuita).
O que se fai público para xeral coñecemento e correspondentes efectos.
Agardando a súa colaboración,
O Alcalde.
(Pode descargar o documento asinado a seguir)