Que segundo a documentación que consta nestas dependencias municipais, resulta que este Concello foi beneficiario, no ano 2024, da actuación PROGRAMA XXXII EDICIÓN DO MERCADO MEDIEVAL DE MONDOÑEDO, incluída no PLAN DEPUTACIÓN DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS 2024 da Deputación de Lugo:
PROGRAMA DE ACTUACIÓNS/EVENTOS TURÍSTICOS 2024:
Este programa centrouse fundamentalmente na pasada edición dun evento turístico fundamental: MERCADO MEDIEVAL 2024 (10 E 11 DE AGOSTO)
No ano 1991 e co fin de adicar un día aos turistas e visitantes da cidade de Mondoñedo, nacía o Mercado Medieval impulsado dende a Oficina de Turismo deste concello. Este Mercado que surxe con fins turísticos, trata de lembrar, ano tras ano, a historia de Mondoñedo e a súa comarca, achegando ao presente as tradicións e vivencias de épocas pasadas nunha recreación medieval onde se atopan representadas as distintas culturas, relixións, oficios e clases sociais daquela época. É un evento onde se mesturan, historia, tradición, cultura, música e sobre todo un gran ambiente festivo.
Inicialmente celebrábase só un día, o segundo sábado de agosto (o día do turista), pero co paso do tempo e debido á gran aceptación que tivo entre a cidadanía e visitantes, e como non á repercusión económica que xenera nun sector como é o da hostalaría, foise consolidando e ampliouse a dous días. Así neste pasado 2024, os días 10 e 11 de agosto celebrouse a súa XXXII edición na que houbo unha afluencia masiva de público, cifrada pola organización en preto de 35.000 visitantes. Todo un éxito, no que tamén influíron as favorables condicións climatolóxicas.
Dentro dos obxectivos básicos do Mercado Medieval, sobresae a recuperación de tradicións ancestrais e históricas, que formaron parte da propia historia de Mondoñedo e o seu contorno territorial. Neste ámbito, este mercado permitiu dar a coñecer oficios que hoxe en día están a piques de desaparecer, cesteiros, zoqueiros¿
Inténtase, na medida do posible, manter o rigor histórico, non permitindo a circulación de produtos que non existían naquela época, como os envases de plástico, etc. É importante, ano tras ano, acadar un maior número de persoas que leven vestimentas da época, motivo para o que, o concello dispón dun pequeno stock de posesións, ademais de contar con varios locais privados que alugan e/ou venden a un módico prezo traxes para estes días. Ano tras ano, increméntase o número de visitantes que contaxiados do ambiente festivo deciden mergullarse por unhas horas na época medieval co alugueiro destas vestimentas.
Este esforzo conxunto da organización, fixo que na edición do pasado ano se consolidara a cifra de 35.000 visitantes que disfrutaron da edición do ano 2024 do Mercado Medieval Mindoniense.