Fondo cabecera Concello de Mondoñedo
Inicio » Novas

Novas

Novas

BASES XXV PREMIO DE POESÍA DÍAZ JÁCOME - 2024

Cartel XXV Premio de Poesía Díaz Jácome - 2024

O Concello de Mondoñedo, co afán de estimular a creación poética entre os mozos/as, convoca o XXV Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.

PRIMEIRA.

Poderán optar ao premio todas as persoas, de idade non superior a trinta anos, que non resultasen premiadas nas últimas tres edicións do mesmo.

SEGUNDA.

Os poemas serán orixinais e inéditos, escritos en lingua galega conforme ás normas ortográficas vixentes e sancionadas pola RAG, e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior ao fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou a declarar deserto o premio.

TERCEIRA.

As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos e serán de tema libre.

CUARTA.

Deberán presentarse catro orixinais en tamaño DIN A4 impresos a dobre espazo.

QUINTA.

Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición ningunha que puidese suxerir o nome do autor ou autora, sendo presentados cun lema e título.

En sobre á parte e cerrado constará o lema e o título no exterior e, no interior, o nome e apelidos do autor ou autora, domicilio, teléfono e fotocopia do DNI polas dúas caras ou, de ser menor, fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso.

O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ao disposto nesta base.

SEXTA.

O prazo de admisión de orixinais remata o día 18 de outubro de 2024, considerándose incluídas neste prazo as obras que enviadas por correo ostenten o selo de orixe con esta ou anterior data.

As obras deberán enviarse ao seguinte enderezo:

Concello de Mondoñedo

Praza do Concello, 1

27740, Mondoñedo (Lugo)

Coa indicación:

XXV Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.

SÉTIMA.

O Xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e fará pública a súa deliberación no mes de novembro de 2024.

A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada aos autores seleccionados mediante correo certificado.

A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo.

No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuízo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente poderán declararse desertos.

OITAVA.

Este concurso consta de tres premios:

Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.

Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.

Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.

NOVENA.

Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello de Mondoñedo, para a primeira edición da obra, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor.

De desexar o autor facer uso dos textos premiados para a súa publicación, deberá solicitar permiso ao Concello de Mondoñedo. De serlle concedido, o autor comprométese a facer constar na publicación, expresamente, que os textos foron distinguidos no Premio de Poesía Díaz Jácome para Novos Creadores.

DÉCIMA.

O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

UNDÉCIMA.

Os premiados serán invitados, expresamente, ao seguinte recital de Mondoñedo é Poesía que se celebra na cidade cada 1 de maio.

DUODÉCIMA

As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.

DÉCIMO TERCEIRA.

A deliberación do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com