O Concello de Mondoñedo elaborou un Plan Estratéxico de Subvencións que introduza a conexión entre os obxectivos e efectos que se pretenden conseguir, dentro das formas da actuación das Administracións Públicas e a súa interacción coa iniciativa cidadá, con costes previsibles e as súas fontes de financiamento, co obxecto de adecuar as necesidades públicas a cubrir, a través das subvencións coas previsións de recursos dispoñibles. O Pleno da Corporación do Concello de Mondoñedo en sesión ordinaria celebrada o día 29 de decembro de 2017, acordou aprobar o citado Plan. De novo, o Pleno da Corporación, en sesión ordinaria celebrada o 13 de abril de 2018, acordou modificar o devandito Plan Estratéxico, engadindo unha nova liña de subvencións en materia de fomento da implantación empresarial co obxectivo de apoiar a dinamización económica do municipio e o impulso das iniciativas empresariais. Esta modificación foi aprobada no Boletín Oficial da Provincia de Lugo núm. 94 do 25 de abril de 2018. O Concello de Mondoñedo ten como obxectivo a rexeneración do actual tecido productivo, así como a colaboración na consolidación de actividades existentes e posta en marcha doutras novas que den resposta ás necesidades da sociedade actual e que resulten competitivas no marco económico existente. En particular, para esta Administración resulta prioritario o fomento do mantemento e consolidación das actividades existentes e a captación de novas iniciativas empresarias que se apoien para o desenvolvemento da súa actividade en recursos endóxenos do municipio, motivos polos que, a Xunta de Goberno Local, por unanimidade dos seus membros presentes, ACORDA:Primeiro.-Aprobar a convocatoria e as bases reguladoras de subvencións para o fomento da implantación empresarial no Parque Empresarial de Mondoñedo, que se xuntan como anexo ao expediente.Segundo.- Darlle publicidade a esta convocatoria a través de anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.