Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Actualidade

O CONCELLO DE MONDOÑEDO PORÁ EN MARCHA UN PROGRAMA DE VOLUNTARIADO CULTURAL

O Concello de Mondoñedo, a través da Concellería de Cultura, porá en marcha un programa de voluntariado cultural para fomentar a participación da cidadanía no desenvolvemento de actividades culturais na localidade. A través do voluntariado o proxecto busca conseguir un acceso directo, solidario e eficaz, ao inxente patrimonio cultural material e inmaterial da cidade e colaborar con aqueles sectores que se atopen necesitados ou que constitúen un punto de partida no acceso á cultura.
Dun xeito máis concreto, a alcaldesa da localidade, Elena Candia, explica que o programa ten por obxecto fomentar o voluntariado cultural, regulando basicamente o seu funcionamento e establecendo as canles de participación dos cidadáns que, de forma solidaria e altruísta, queiran colaborar na prestación de actividades culturais na cidade de Mondoñedo. Así, a través deste programa quedarán regulados os dereitos e obrigas dos voluntarios culturais e a súa relación co Concello de Mondoñedo.
A rexedora indica que Mondoñedo conta cun gran patrimonio material e inmaterial dentro do seu territorio, tanto arquitectónico como natural e cultural ¿que debe ser potenciado, protexido e amosado con respecto¿. ¿Constitúe un recurso único para Mondoñedo que debe darse a coñecer a toda a xente que poda estar interesada nel pero partindo dunha xestión sostible que permita a conservación do mesmo. Así, queremos levar a cabo este desenvolvemento a través do Voluntariado Cultural¿, asegura.
BASES DO PROGRAMA
A Concellería de Cultura anunciará en medios de difusión pública os prazos de inscrición nas actividades de voluntariado cultural, a forma en que han de ser formalizadas ditas inscricións e os programas específicos aos que se pode optar.
Así, poderán adquirir a condición de voluntario cultural todas as persoas físicas que libremente se comprometan a realizar unha actividade de voluntariado para o que deben formalizar por escrito un compromiso de incorporación e colaboración co Concello que regula entre outros contidos, a aceptación do carácter altruísta das relacións, a especificación dos dereitos e deberes de ambas as partes, a identificación da persoa responsable do programa no que a persoa voluntaria desempeñará a súa actividade, a formación necesaria para o desenvolvemento de programas específicos, así como as causas que motivarían a exclusión.
As persoas menores de idade poderán participar en programas e proxectos de voluntariado especificamente adaptados ás súas características, mediante autorización expresa dos seus pais.
A persoa que decida sumarse recibirá a correspondente acreditación da súa condición de voluntaria, que conterá como mínimo os datos persoais e identificativos e da entidade e máis a data e a duración ou denominación do programa ou programas no que desenvolva a actividade voluntaria.
PROGRAMAS ESPECÍFICOS A DESENVOLVER
As actividades nas que poderán colaborar os voluntarios culturais suxeitos a este programa, sen recibir contraprestación nin mediar obriga ou deber xurídico son, entre outras:
- Fomento da lectura, lectores-acompañantes que mediante lecturas a domicilio para maiores conseguirán mellorar a súa calidade de vida
- Apertura e vixilancia daquelas dependencias onde se instalen puntos de lectura ou se realicen exposicións
- Labores de intercambio de libros, discos e películas entre persoas do concello e a Biblioteca
- Colaboración na montaxe, coordinación e desenvolvemento de actos culturais
- Servizo de tradutores que acompañen aos guías turísticos cando nos visiten grupos de estranxeiros: ingleses, franceses etc.
- Guías que acompañen aos visitantes que desexen ver algún monumento ou ruta que estea fora das rutas oficiais
- Guías situados nun determinado monumento para que o expliquen con detalle ao visitante
- Reforzo nos programas de inserción
- Programas formativos de oficios tradicionais
A Concellería de Cultura poderá definir novos proxectos ou realizar as modificacións que estime oportunas nos xa referidos.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com