Fondo cabecera Concello de Mondoñedo
Inicio » Novas

Novas

Novas

Novo Goberno de Mondoñedo

Novo Goberno Mondoñedo

A alcaldesa do Concello de Mondoñedo, Elena Candia, presentou hoxe a nova estrutura da organización municipal. O novo goberno comeza coa maior ilusión para acadar os seus principais compromisos, establecéndose como primeiras actuacións melloras urxentes no mantemento da cidade, a creación de emprego e ofrecer un concello aberto.
O reparto de concellerías será o seguinte:
- María Elena Candia López asume a delegación de Cultura, Turismo e Medio Ambiente
- Manuel Ángel Otero Legide (tenente de alcalde) é o responsable das áreas de Medio Rural, Persoal e Participación Cidadá
- María Ángeles Rodríguez Rico terá a responsabilidade de Facenda e Benestar
- José Otero Rejes: Servizos, Urbanismo e Obras
- Manuel Tapia Rivera: Deportes, Industria e Promoción Económica
- Alberto García Fernández: Mocidade, Educación e Novas Tecnoloxías.

Primeiras actuacións
O novo equipo de goberno ten identificado a prioridade na actuación de obras de carácter urxente que permitan o adecentamento tanto do casco urbano como do rural, como son actuacións de limpeza, reparación das pedras rotas no empedrado para garantir a seguridade, recambio de contedores de lixo, limpeza do río dos Muíños, etc.
A alcaldesa tamén fixo fincapé en que o emprego será outra da prioridades inmediatas e nesto senso citou a posta en marcha, en breve, dun obradoiro de emprego concedido pola Xunta de Galicia.

Un Concello aberto
O equipo de goberno nace cunha clara actitude de colaboración e vocación de resolver problemas e establece a importancia de ofrecer un Concello aberto, cun horario de atención aos veciños, con persoas accesibles, coa posta en marcha dun regulamento de participación cidadá, coa programación dunha rolda de visitas con asociacións e parroquias.

Outras medidas
Entre outras das primeiras medidas que poñerá en marcha o novo equipo de goberno atópase a intensificación da celebración de Xuntas de Goberno para articular unha administración local máis áxil. Esta decisión non supón un incremento do custe toda vez que a asistencia ás Xuntas de Goberno non son remuneradas.
Por último, a alcaldesa tamén anuncia que arranca a programación dunha rolda de contactos coas distintas administracións para ir materialización os proxectos.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com