Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Manuel Leiras Pulpeiro (1854 ¿ 1912)

Leiras nace en Mondoñedo no 1854 e falece o 9 de novembro de 1912, tamén en Mondoñedo. Estudará, inicialmente, no Seminario de Estudos Universitarios en Madrid latín e humanidades e obterá, máis tarde, o título de bacharel en Artes no Instituto de Tapia de Casariego (Asturias).

Fillo de cirurxián comezará en 1870 a carreira de Medicina en Santiago de Compostela. En 1877 obterá a licenciatura e exercerá como médico en Mondoñedo dende o 1878 ata o seu pasamento.

A súa ideoloxía é republicana federal o que fará que se enfronte ao clero mindoniense e aos sectores tradicionais. Pero non por iso deixa de defender as súas ideas e así, dende febreiro de 1866 é presidente do Comité Federal de Mondoñedo e dende xullo de 1887 ata 1893 formará parte do Consello Executivo da Rexión Galega. Foi fiel aos seus principios e ideas políticas ata a súa morte o que fará que sexa soterrado no Cemiterio Civil ao marxe da zona sagrada.

Nesta liña hai que situar a súa voda civil con María del Milagro Antonia Andia Villar (1888) o que deu lugar a unha gran oposición do clero da cidade.

Xa para rematar hai que sinalar que no ano 1905 rexeita o nomeamento de membro numerario da Academia Galega.

Tras o seu pasamento, entre 1913 e 1921, fáiselle un mausoleo sufragado pola Sociedad Hijos de Mondoñedo Residentes en la Argentina. Este será inaugurado o 30 de outubro de 1921 con disertacións de persoeiros da cultura galega como Vilar Ponte, Vicente Risco ou Luis Peña Novo, entre outros.

Leiras, case non ten publicacións en vida e será tras a súa morte cando se dea a coñecer a súa obra. Apenas tres obras publica el, das que unha é de temática sanitaria. Vexamos.

Publicará en Mondoñedo en el año 1910, xunto con Pastor Talaridad Pedreiras, unha monografía sobre tema sanitario: Apuntes para la geografía médica del distrito municipal de Mondoñedo.

En agosto de 1910 concorre a un certame poético en Vigo onde se premia a súa obra, en verso, Un Galo. Será ao ano seguinte (1911) cando vexa a luz a súa última obra publicada en vida, Cantares Gallegos, un breve poemario que conten 244 composicións de catro versos.

Non será ata 1930 cando se publiquen as súas Obras Completas. Poesía, tomo I, en A Coruña. Todas elas recollidas por Vilar Ponte e prologadas por Otero Pedrayo.

En 1970 publicaranse as súas Obras Completas. Esta edición corre a cargo de X. L. Franco Grande e está composta de Cantares Gallegos (1910), Cantares Inéditos, Poesías (1930), Frases, Adivinanzas, Adagios y Cantares e un Vocabulario que se pode complementar coa obra de Noriega Varela Como Falan os Brañegos, para clarificar a linguaxe que encerran estas obras.

Escolma de textos

¿Todos me dicen que espío,
Que logo me leva o aire;
Y-a culpa tenma un nubeiro
Que se me puxo por diante.

Con me casar como quixen,
E tel-o ceio n-a casa,
N'hay noite que non me acorde
D'as noites de muiñada.

¡Dios che pague a tua esmola,
Cariña de repinaldo!
Non che coidei que tiveses
Corazonciño tan brando.

Anque che son d'a Montaña,
Andoche ben limpa e fresca;
Que, anque che son d'a Montaña,
Non che son d'as carrachentas.

Non se acanea unha folla;
Todo esta noite está calmo;
¡Ai, quén poidera decire,
Co-a mau n-o peito, outro tanto!

¡Quén fora reichiño ruibo
Pra cantar n'a tua figueira,
Pra non salir do teu horto,
Y-aniñar n-a tua silveira!

Como te ves con camisa,
Xa coidas qu'eres grandeza;
Non sal o toxo de toxo
Por froleado que esteña.

Non quero a vida d'a vila,
Anque folgada m'a dean;
Quero ir e vir pol-os pousos
O sol y ô aire n-a aldea.

Váite, barruzo, que veño
Co-a miña mantela nova;
Váite, barruzo, d'a festa,
Que quero dar catro voltas,

Queren que queira un toupizo,
Con cara e corpo de cepo;
Y-eu busco moza galana,
E de corpiño bringuelo.

Mentras n'apadrel-o neno
Farruco, non che perdono;
Non che perdono ¡así morras!
Xa que dixeche qu'é d'outro.¿

LEIRAS PULPEIRO
en Cantares Gallegos

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com