Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Cruceiros

Os cruceiros son cruces de pedra que se presentan como unha das manifestacións populares máis estendidas en Galicia. Sitúanse en lugares simbólicos e todos eles responden a unha razón relacionada co mundo místico.

Temos cruceiros en cruces de vías, nos adros das igrexas, nos cemiterios, en lugares onde houbo un defunto, para a conmemoración de acontecementos, como rogativa, como agradecemento a unha concesión divina,... e son, tamén en ocasións, lugares aos que peregrinar en busca dalgunha cura física ou espiritual para o devoto.

En Mondoñedo podemos atopar máis de corenta cruceiros que agruparemos en dous tipos: cruces de pedra e cruces de ferro. As primeiras son, sen dúbida, as máis abondosas pois de ferro só podemos localizar dúas.

As cruces de pedra están feitas en pedra de granito e presentan unha estrutura de basamento, fuste e cruceiro propiamente dito, agás casos contados onde só atopamos a cruz apoiada en paredes ou directamente no chan. Por norma xeral son só esculturas en pedra, sen máis, pero hai ocasións nas que conservan resto de policromía como é o caso do Cristo do Fiouco, o Cruceiro do Couto e os cruceiros da parroquia de Oirán.

No tocante ao pé, ademais da base propia do cruceiro na que pode haber inscrición, hai exemplares que na súa base contan cun pequeno altar feito de pedra de pizarra que realza e eleva o cruceiro. Este soe estar feito a modo de escaleira e témolo todo ao redor do mesmo. Exemplos poden ser o Cruceiro de Vilaverde en Vilamor ou o Cruceiro do Castro en Lindín.

Os fustes, polo xeral, son lisos, aínda que pode aparecer adornados con algunha talla a modo de acanaladuras ou algunha figuración como é o caso do Cruceiro da Capela do Camiño en Zoñán (Os Remedios).

Por último, na parte máis alta, temos a cruz propiamente dita. Esta pode ser lisa ou contar con figuras por unha ou ambas caras. En caso de ser unha é un cristo e caso de ser dúas son un cristo por un lado e unha virxe polo outro, pero aínda temos un terceiro grupo en Mondoñedo, pois hai exemplos que posúen figuras exentas ao pé da cruz. Estes podemos velos na parroquia de Oirán.

A continuación incluímos unha pequena escolma de exemplares que podemos atopar en Mondoñedo, están clasificados por parroquias pero non todas aparecen representadas, aínda que en todas hai cruceiros interesantes.

Imáxenes

Cruceiro_Argomoso1 Cruceiro_Argomoso2 Cruceiro_OCarme

Ver máis imáxenes

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com