Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Parroquia de Os Remedios

Capela de San Antón

Situada no barrio de O Burgo de Arriba, en Valiño parroquia de Os Remedios, temos unha pequena capela que mira cara ao val de Mondoñedo. Esta é unha edificación de planta rectangular.

O acceso principal ao templo, na fachada do mesmo, faise a través dun arco de medio punto. Está coroando a fachada unha espadana dun só vano.

Alberga, no seu interior, un retablo Rococó con diversas imaxes, entre as que atopamos un San Antón do século XVII.

Capela de San Bartolomé de Estelo

Esta capela, situada no barrio de Estelo na parroquia de Os Remedios, foi totalmente reedificada sobre unha anterior que data do século XVII (fundada en 1679). Presenta planta cadrada e pórtico diante da fachada principal que remata cunha espadana.

Capela de San Cristovo de Zoñán

A capela de San Cristovo, ubicada no barrio de Zoñán na parroquia de Os Remedios, é unha edificación de orixe Gótica, de entre os séculos XIII e XV, sen poder precisar máis polo silencio documental dos arquivos catedralicios no que a ela se refire.

A orixe da mesma témola que por en relación coa peregrinación a Compostela, porque San Cristovo é un santo relacionado cos camiños e cos viaxeiros, está próxima ao Camiño Norte e está situada preto do mosteiro dos Picos (Mosteiro de Villaoriente, segundo a documentación da época), que contaba, entre outras cousas, con hospedaría de peregrinos dende o século XIV, ao menos.

A igrexa presenta unha planta rectangular, moi común dende época románica, sendo a nave principal maior que o altar que remata en ábside semiexagonal con un rosetón na parte central do mesmo, debemos indicar tamén que o paso dende a nave ao altar maior faise a través de arco triunfal. A fachada principal presenta un pequeno pórtico e está coroada por unha espadana.

No interior da mesma o altar maior posúe un retablo Neoclásico do que a principal figura é a imaxe de San Cristovo. Ademais deste posúe outro retablo no muro dereito da nave do século XVII.

Ermida de San Xoán

Esta pequena capela, situada no barrio de Seivane na parroquia de Os Remedios, é unha construción do século XV que sufriu diversas reformas con posterioridade.

O templo presenta planta rectangular con nave central e arco triunfal oxival que da paso ao presbiterio. A fachada principal, de gran sinxeleza, está remata por unha espadana dun só vano.

No interior da capela atopamos un retablo do século XVII coas figuras de San Xoán Bautista, Santa Lucía, San Xosé e San Pedro, entre outros.

Mosteiro de Os Picos

Para este mosteiro franciscano que ocupa un lugar privilexiado sobre o val de Mondoñedo, no lugar de Formigueiro, parroquia de Os Remedios, non é posible dar unha data de fundación, pero si podemos afirmar que estaba en pleno auxe en 1382, xa que nese ano o rei Xoán I de Castela outorga un privilexio a 25 de abril de dito ano.

En tal privilexio, que confirma outro dado polo seu pai a 9 de agosto de 1379, faise constar a súa gran devoción polo mosteiro de ¿Vilalaurente¿, lugar, segundo nos di, onde ¿se acollen moitos peregrinos e romeiros dos que van ao Apóstolo Santiago...¿

Seguindo a grandes trazos a evolución desta comunidade franciscana chegamos ao s. XVII, onde atopamos varios feitos dignos de mención. O primeiro deles é o intento de traslado dos frades en 1676 á ermida de San Antonio do Carrascal, doada ao convento por uns fieis; pero este intento verase freado polas forzas catedralicias dando lugar a un preito que acabará con auto do Real Consello ordenando o regreso dos frades a Os Picos no ano 1677.

O outro punto a destacar serán as obras realizadas neste século no mosteiro, así no 1687 realizarase un lenzo do claustro, onde estaban bodega e paneira, e, no 1692, realizarase a reedificación do mesmo así como da casa dende a capela maior da igrexa, a sancristía e o cuarto da hospedaría. Obras foron realizadas polas malas condicións que o inmoble reunía nesta época.

Serán os comezos do século XVIII época de traballos na capela, sendo en 1701 o momento do derrubo e reedificación da torre das campás para darlle maior altura. Anos máis tarde, 1715, procederase á construción da actual igrexa, obra sufragada polo bispo Muñoz y Salcedo.

Dende 1884 foi habitado polos frades Pasionistas ata o 1964 en que abandonarán o edificio.

O conxunto monacal de Os Picos non sufrirá excesivas alteracións, ata que en época recente, na segunda metade do século XX, a comunidade relixiosa abandone o lugar. Isto suporá o deterioro e declive do mesmo.

Na actualidade estase a recuperar todo o edificio.

O edifico actual conta cun claustro cerrado por tres tramos de, no cuarto, pola igrexa. A mesma presenta planta rectangular e cúpula sobre o altar maior. Foi valeirada tras o seu abandono.

Viacrucis de Os Picos

Nas inmediacións do mosteiro atopamos un viacrucis exterior que comeza á metade de ladeira nunha capela, hoxe en ruínas, e que vai ascendendo cara á edificación monacal.

Esta construción conta con unha serie de pequenas hornacinas onde se pode observar unha pequena escultura de temática relixiosa.

O viacrucis remata no interior do mosteiro.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com