Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Parroquia de Masma

Igrexa Parroquial de San Andrés de Masma

As orixes relixiosas desta parroquia temos que levalas ao século XII (1086), cando o bispo D. Gonzalo falla un preito que sostiñan os cregos de Santa María de Vilamor cos cregos de San Andrés de Masma, pero a construción actual non é tan antiga.

A edificación, realizada por orde do bispo Sarmiento de Sotomayor en 1740 e aumentada no século XIX coa construción dunha torre na fachada principal, presenta unha planta de cruz latina divida en nave, cruceiro e altar maior e posúe, ademais, dúas sancristías aos lados do altar maior.

No templo podemos atopar portas adinteladas en ambos brazos da cruz, piso de lastras e unha pía bautismal de pedra. Esta pía semella primitiva e pode ter que ver coa edificación medieval orixinaria da que non quedan vestixios.

O retablo principal é de finais do século XVII de estilo Barroco. Nel podemos atopar un Cristo e un San Andrés. Este retablo foi o antigo do Santuario dos Remedios, trasladado por orde do bispo Sarmiento. Tamén posúe óleos de San Bernardo e San Bieito, entre outros.

No brazo dereito do cruceiro está ubicado un retablo Barroco do XVIII con diversas imaxes de Santa Lucía, San Antón, San Xosé con Neno e San Lourenzo. No brazo esquerdo do cruceiro temos tamén un retablo Barroco coas imaxes de San Gregorio Papa, San Isidro Labrador con bois, San Xosé, San Ildefonso, San Xoán Bautista e a Virxe do Carme.

Pazo do Bo Aire

Situados a carón da igrexa parroquial de Masma, atopamos unha finca que foi adquirida polo bispo Sarmiento de Sotomayor en 1735 e agregada ás posesións da mitra mindoniense. A finalidade foi construír unha residencia de verán para el e os seus sucesores.

O edificio está formado por un pavillón con dous saíntes e, entre eles, unha gran azotea. Na fachada principal podemos atopar unha gran balconada de ferro forxado e na parte posterior tres arcos de medio punto e un gran escudo de pedra coas armas da familia do bispo. Ante esta fachada hai unha fonte redonda.

O arquitecto encargado da obra foi Frei Lorenzo de Santa Teresa, do Convento de Alcántara de Mondoñedo.

A edificación foi restaurada en 1960. Na década de 1980 foi lugar de rehabilitación de toxicómanos, pero un incendio destruíuno por dentro case por completo e a día de hoxe está sen recuperar.

Capela de San Ramón da Retorta

No lugar de A Retorta, en Masma, atopamos unha pequena capela rectangular con nave principal, arco triunfal e altar maior. Posúe pavimento de lastras e na fachada principal un arco de medio punto, dúas ventás aos lados e unha espadana dun só corpo.

No interior alberga un retablo con diversas imaxes ademais da do patrón da capela.

Ponte da Retorta Masma

No meso lugar de A Retorta, sobre o río Masma que a esas alturas xa conta cunhas dimensións importantes, atopámonos con esta ponte, unha construción en pedra, onde se combinan o granito e a pizarra. Trátase dunha edificación de época Moderna con tres arcos e dous piares dentro do río.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com