Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Convento de Alcántara

Convento de Alcántara

Convento de Alcántara – Interior do centro de Interpretación do camiño

Baixo este título falaremos de tres edificios: o Convento de Alcántara, a Igrexa de San Pedro de Alcántara e a Capela da Venerable Orde Terceira.

Na actualidade este conxunto, salvo a Capela da VOT, é un edificio desamortizado, isto é, que deixou de ser propiedade da igrexa no século XIX, durante os proceses de desamortización.

Iso fixo que a vida do mesmo fose moi curta, apenas un século, posto que os frades instálanse no convento no ano 1730 e son exclaustrados en 1835.

O bispo Muñoz y Salcedo desexaba crear un mosteiro de Padres descalzos alcantarinos e así llo fai saber ao Cabido que coincide con el nas necesidades espirituais de Mondoñedo e na idoneidade de levar a cabo a fundación. Unha vez de acordo elevan a petición ás dignidades eclesiásticas correspondentes e en 1727 os primeiros frades xa estaban na cidade para buscar localización e ultimar os acordos para a fundación.

Os terreos que se consideraron axeitados, situados ao fondo que hoxe é a Praciña de San Xoán, pertencían ao Cabido e, tras compensación, autorizáronse as obras que se viron freadas por un litixio derivado da oposición dos relixiosos do Convento de Os Picos. En 1729 tras acordo elévase petición a Roma e séguese coas obras. A aprobación de Roma chega en 1731 e con ela autorízase aos relixiosos de Alcántara que comezen vida de comuniade.

Xunto coa edificación do convento faise a Igrexa de San Pedro de Alcántara dunha arquitectura semellante ao convento. Esta é unha construción dunha soa nave con tres tramos. Posúe bóvedas e cúpula vaída.

A Capela da VOT, construída en 1731, é unha edificación contigua á Igrexa de San Pedro, presenta unha planta con tres espazos diferenciados: Nave, Presbiterio e Sancristía. O Retablo Maior é de Andrés de Barriera (1743) de estilo Barroco Rexional con tres corpos.

O encargado das obras será Frei Lorenzo de Santa Rosa (mestre de obras del Convento de Vallamañán).

Os frades foron exclaustrados nas desamortizacións do século XIX e o convento e igrexa deixaron de funcionar como tal, na actualidade so segue a ter funcionalidade relixiosa a Capela da VOT onde se gardan os pasos da Semana Santa Mindoniense.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com