Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Mosteiro da Concepción

A fundación do mesmo data do século XVII, será fundadora do mesmo Dona María Pardo de Andrade no seu testamento con data de 26 de outubro de 1639 derivou nun longo preito para a súa localización, pois ela desexaba a fundación no Campo dos Remedios ao que se opoñían Deán e Cabido co que ao fin as relixiosas concepcionistas instalaranse, en primeira instancia, no Couto de Outeiro, no ano 1656.

No 1707 por ode do bispo debido ao estado de ruína en que se atopaba o primeiro edificio, a congregación é trasladada ao Palacio Episcopal e alí permanecerá ata que se faga un novo. En primeira instancia solicitan fundar nova sé no Campo de Nosa. Sra. Dos Remedios, pero o Cabido oponse, novamente, en 1708.

En 1712 elevan unha nova petición para fundar unha nova residencia dentro da cidade, na propiedade de María Pardo Lanzós Aguiar y Montoro, nunha casa e horta que posuía na rúa de Batitalas, hoxe Rúa das Concepcionistas. Así, será en 1713 cando, ao contar co acorde de bispo e Cabido, se tome a decisión firme de construír un novo edificio que será o que ocupen ata a actualidade.

A rehabilitación da casa e a construción da igrexa están case listas en 1716, ano no que se procederá ao traslado.

Serán os mestres de obra Antonio Blanco, Salvador Fernández e José de Lapine (os dos primeiros de Mondoñedo e o último de Santa Eulalia de Bóveda).

Na actualidade o conxunto presenta un convento cun único claustro central, rodeado por unha horta, e unha igrexa con coro alto e baixo. O claustro é cadrado con tres pisos e un pequeno xardín central.

A igrexa, obra de José Ferrón o Terrón de Pontedeume, presenta unha soa nave con dous tramos de bóveda de aresta e cúpula a continuación sobre pechinas e con lanterna. O presbiterio está cuberto por bóveda de aresta.

A portada presenta dúas pilastras sostendo unha cornixa na que se ubica unha imaxe popular da Virxe Inmaculada (en pedra) e un frontón circular.

Esta presenta tamén dous escudos da orde franciscana.

No interior posúe retablos e imaxinería do século XVIII. O Altar Maior é obra de Dionisio do Monte.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com