Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Muralla Medieval

A cidade contaba cunha importante muralla de orixe medieval (século XIV) que rodeaba o núcleo urbano e servía para protexela de agresións externas, controlar os tráficos de mercadorías, illar o núcleo en tempo de peste, etc. Pero pouco a pouco as construcións supérana, foi perdendo a súa funcionalidade e, con iso, foi desaparecendo.

Hoxe queda só un pequeno anaco no final da rúa da Ponte, case na confluencia desta coa rúa Pardo de Cela. O que aquí se pode ver é só unha parte do trazado orixinal pero pode dar idea de como era a cerca e das súas características.

Facendo un pequeno percorrido pola historia da muralla temos que comezar indicando que Mondoñedo era unha cidade aberta ata que se acorda construír unha cerca para protexela. En 1320 conséguese o acordo entre o Bispo, o Cabido e o Concello para a construción dunha muralla e nese mesmo documento tamén se reparte as obras quedando por un lado o Prelado e o Cabido que construirán dende a ¿Porta da Fonte¿ ata a ¿Rúa de Batitales¿ e Concello e Alcaldes a parte restante.

En total esta obra contaría cun perímetro de 850 metros encerrando as actuais prazas e rúas: Praza da Catedral, Praciña da Peña de Francia, Rúa Lence Santar, Rúa Pardo de Cela, Pascual Veiga, Afonso VII, Progreso, Pacheo e Noriega Varela.

O outro elemento significativo da muralla serán as súas portas: Porta da Vila ou da Fonte (en fronte á Fonte Vella), Porta de Batitales (confluencia rúa Pacheco e Leiras Pulpeiro), Porta das Angustias (final da rúa Afonso VII, esquina cuartel de milicias e actual concello), Porta da Rúa de Pumar ou da Cruz (contigua á Rúa da Ponte, ao final de Pascual Veiga) e a Porta do Perexil (ao final de la Pardo de Cela).

A principal razón que se esgrime para a súa construción é a necesidade de defender a cidade fronte aos perigos exteriores, derivados fundamentalmente da inestabilidade política xerada pola minoría de idade do rei Afonso XI. Non ían moi desencamiñados cando xa en 1327 os mindonienses se fan fortes na muralla ao ser atacados por Pedro Fernández de Castro.

Continúa o século XIV con abondosa actividade violenta e isto fai que as forzas locais decidan colocar gardas na cidade e nas súas portas. A partir de 1321 Bispo e Cabido dunha parte e Alcaldes e Concello doutra, asumen os gastos desas gardas. A autoridade eclesiástica os venres e sábados, a autoridade civil o resto dos días da semana.

Pouco a pouco Mondoñedo vai medrando, as construcións superan a muralla e ademais esta está caída en diversas partes por falta dos coidados precisos debido, en ocasións á preguiza e noutras á falta de medios. Pero aínda hai un terceiro factor que contribúe ao seu deterioro: as construcións que se fan sobre a mesma contravindo o indicado dende o Concello. Estamos no século XVI, unha centuria con moita actividade sobre a muralla.

En primeiro lugar temos que falar de modificacións feitas a raíz de novas construcións. A edificación da nova cadea precisou que se rompese a muralla, pero será a construción da Fonte Vella a que dea lugar á maior obra, pois será preciso modificar a Porta da Vila ou Porta da Fonte dando lugar a unha máis ampla pola que podían pasar xente a cabalo e carros. Esta modificación fixo que tamén se coñecese esta entrada como Porta Nova.

No eido negativo podemos dar dúas pinceladas que contribuíron ao seu deterioro témolos en 1554 e 1556 preto da Porta de Batitalas na que se invade a ronda cunha edificación e se obriga ao construtor a derribar o feito e na Porta de Angustias onde xurde un problema co estribo da porta ao verse afectada por unha vivenda, pero, por outra banda, hai tamén accións positivas. Exemplo desto témolo en 1558 no que un Rexedor da cidade (Juan López de Praveo) solicita que es estableza onde pode construír na súa propiedade posto que esta lindaba coa cerca e a mesma está caída. O Concello dita que constrúa sobre o trazado da cerca para así recuperala e reforzala. Esta construción chegaría ao pé da Porta da Vila.

Por esas mesmas datas (1558) proponse construír un nicho adicado á Virxe na porta da rúa de Ferreiros (actual Afonso VII). Este será o xerme da futura capela das Angustias situada na porta de entrada en dita rúa e que acabará dando nome ao arco.

Neste século non todo serán construcións, temos que falar dun ¿servizo público¿ prestado pola muralla: no ano 1569 péchanse as portas para evitar a entrada da peste na cidade.

Xa finalizando o século que nos ocupa podemos describir un panorama bastante malo para a muralla e ver que as autoridades son conscientes do que está a ocorrer e queren recuperala, así en 1596 proponse reconstruír, con cargo ao Concello, o tramo de muralla que caera dende ¿ a porta da cidade ata arriba do albergue¿ e ademais nesta mesma alegación indícase que a cidade xa non ten muralla ou que caeu por cen partes, que se constrúe libremente e que se pode saír da cidade sen impedimento ningún, Mondoñedo ten muralla pero parece como si xa non ativese.

O declive final da muralla comezará no século XVIII ao sufrir dun xeito máis directo as consecuencias derivadas da expansión da cidade. O edificio que máis lle vai afectar será o Convento das Concepcionistas pois para a súa construción farase preciso derruír a Porta de Batitalas, por edificarse este convento sobre unhas casas e hortas anexas á cerca pero cun maior volume que o preexistente co que comprometerán a súa continuidade na zona.

Así como o comezo do fin foi o XVIII, o século XIX será o da eliminación da mesma, salvo no trazado que chegou aos nosos días. Como diciamos este será o século máis complicado para a continuidade da muralla pois as ideas de modernidade e liberdade que flúen na sociedade provocarán que se teña unha concepción asfixiante da muralla para a cidade, como algo que dificulta a súa expansión. Chegaranse a solicitar, incluso, informes médicos sobre a salubridade das mesmas e neles recolleranse datos como que dificulta a renovación do aire.

Todo isto provocará que a muralla vaia desaparecendo e sobre todo as portas que se conservaban con restos do trazado orixinal.

Os expedientes de demolición non tardarán moito en poñerse en marcha e así tras a caída da Porta de Batitales no século anterior, en 1834 tramítase o da Porta da Vila ou da Fonte e en 1835 ocorre o mesmo coa Porta de Angustias e a capela que estaba ao seu carón.

Neste mesmo ano tamén se inicia o expediente da demolición do arco da rúa Templarios (actual Pascual Veiga), a Porta da Cruz, algo que non se executará de inmediato pois en 1836 solicítase, dende os mandos militares, o derribo desta porta con motivo da fortificación do Seminario durante as Guerras Carlistas para evitar que, en caso de toma da cidade, se puidese empregar esta porta como punto de ataque á improvisada fortaleza, pero non será ata o ano 1854 cando se derrube este arco facendo coincidir estas obras coa ampliación da rúa. Estas obras supoñen tamén a expropiación dos terreos adicados a cemiterio a este lado da Catedral.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com