Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Catedral

Torres da Catedral

Fachada da Catedral

A construción actual, iniciada no século XIII, é un templo que presenta unha planta de cruz latina, recolle diversos estilos arquitectónicos (románico, gótico e barroco) e conta cun claustro interior que da acceso ao Palacio Episcopal. Un edificio cunha amalgama de estilos e formas así configurado polo paso dos séculos.

A catedral de Mondoñedo constrúese sobre unha antiga igrexa e mosteiro de Santa María preexistente no lugar que hoxe ocupa esta edificación. A súa construción data do século XIII a pesares de que a Sé episcopal se asenta en Mondoñedo en 1112, pero por diversas motivacións e polo breve traslado da mesma a Ribadeo entre os anos 1185 e 1219, as obras non se levan a cabo ata despois.

Será o bispo Don Martín quen leve a obra a bo fin pois del dise que foi quen construíu, rematou e consagrou a mesma. A consagración da mesma levaríase a cabo, probablemente, o 19 ou 20 de outubro de 1242 posto que ao ano seguinte este bispo pide a súa xubilación a Roma e é de supoñer que sería tras rematar a súa labor de construción do templo. Con todo Roma con lle concede a xubilación ata anos máis tarde.

Esta construción inicial faise grazas ás aportacións episcopais, populares e rexias na figura dos monarcas de León Afonso IX e Fernando III. Será un edificio baixo con nave central máis alta que as laterais e dúas torres redondas, unha a cada lado da fachada principal. Esta é a fisionomía orixinaria pero cambiará pouco a pouco ao longo dos séculos ata chegar ao que é hoxe.

O gran emblema exterior deste templo é o seu gran Rosetón circular, obra que data do século XIII, e que permite que a luz entre no templo iluminando, hoxe en día, a súa gran vidreira interior presidida por un Pantocrator central.

A diferenza de alturas entre a nave central e as laterais solucionarase no século XIV coa elevación das mesmas ata igualalas e darlle con iso un aspecto exterior máis uniforme.

Ata o século XVI non se farán novas obras no exterior do templo e serán por iniciativa do bispo Diego de Soto. Consistirán nun rebaixe diante da fachada principal do templo que se pechará dando lugar a unha praciña que separará a entrada da catedral do resto da praza e que se manterá ata ben entrado o século XX. O cerre frontal desta será de cantería e os laterais de ferro. Contará con portas de acceso nos cerres laterais.

En 1503 xa hai reloxo na catedral mindoniense que será trocado en 1585.

No século XVIII terá lugar o maior cambio levado a cabo na fachada catedralicia, pois construiranse dúas novas torres substituíndo ás anteriores redondas e baixas. Estas novas torres serán cadradas e cunha altura de 35 metros. En 1718 inaugúrase a primeira (a da esquerda) e en 1720 a segunda (da dereita).

A última reforma exterior prodúcese no século XX (1968) e afectará a entrada da catedral e á praza que se abre diante da súa fachada. Nestas obras elimínase o cerre que posuía diante da fachada dende o século XVI, rebaixarase a praza para igualar altura con esta e faranse retroceder os cantóns que había enfronte deixando só os soportais baixo as casas que cerran a praza.

No interior, a día de hoxe, hai unha gran nave central aberta dende a entrada ao altar maior e dúas naves laterais menores que permiten un percorrido por todo o templo e que se unen tras o altar maior nunha xirola. Os brazos do cruceiro, dun tamaño menor do agardado en relación coa nave principal, están destinados a albergar parte do coro de madeira e o actual órgano (brazo esquerdo) e como lugar habilitado para os fieis e acceso ao claustro (brazo dereito).

Este é o aspecto co que nos atopamos ao entrar na catedral mindoniense, pero é unha face que se foi construíndo paseniñamente, de vagar, dende o século XIII. O templo foi medrando xa dende o comezo coa construción da actual Capela do Santísimo situada na nave lateral dereita a continuación do cruceiro. Antigamente esta capela era coñecida como a da Magdalena.

Trátase dunha pequena capela con retablo dourado e altar presidido por un cristo onde se gardan as sagradas formas. Nesta mesma está tamén a Virxe Inglesa traída dende a catedral de Londres no século XVI polas loitas relixiosas alí sucedidas. A capela está cerrada por unha gran rexa de ferro na entrada.

No século XV ten lugar unha importante reforma interior co traslado do coro, que orixinalmente estaba tras o Altar Maior, a diante do mesmo, na nave central (ao oco entre as catro primeiras columnas).

Este coro é de pedra e está cerrado por muros que estaban decorados con pinturas murais, de autor descoñecido. Os restos das mesmas poden ver hoxe a ambos lados da nave central, baixo os órganos.

Durante o século seguinte (XVI) continuaron as reformas coa creación de novos espazos como é a Sancristía e a Sala Capitular. Ademais esta é a época en que se constrúe a xirola tras o altar maior eliminando o transcoro.

Tamén é agora cando se substitúe o antigo coro pedra por un de madeira de estilo gótico flamíxero e que chegará aos nosos días. A súa construción lévase a cabo entre o 1513 e o 1520 por encargo do bispo Diego Pérez de Villamuriel.

Xunto con todas estas reformas dotarase ao altar maior dun novo retablo que precederá ao actual.

A catedral contaba con claustro dende antigo pero será no século XVII (1636) cando se reforme se cree o que hoxe se conserva. Este presenta 20 arcos de medio punto de estilo Neoclásico e orde Toscano e hoxe conta cun cruceiro no centro do mesmo. O acceso a este lugar atópase ao fondo do brazo dereito do cruceiro.

Neste século constrúese o Relicario e Altar de San Rosendo que está situado detrás do Altar Maior, no centro da xirola.

Na actualidade, en fronte a este altar sitúanse catro capelas abertas todo ao longo da xirola. Están adicadas, de dereita a esquerda, a primeira a San Francisco, a segunda ao Cristo da Boa Morte, a terceira é coñecida como a capela de Álvaro Pérez ou Santa Ana por ter retablo adicado a esta e a última é a do Ecce Homo.

Durante o século XVIII levaranse a cabo unha serie de reformas que lle conferirán á catedral, case, o aspecto actual. Ata este século o presbiterio era un lugar cerrado por muros, pero agora ábrense dous arcos e cérranse con rexas de ferro e, en 1769 dótase dun novo retablo o altar maior, este será de estilo Rococó e perdurará ata a actualidade. Pero estas non serán as únicas reformas.

Tamén terán lugar reformas na nave central coa colocación de dous novos órganos un en 1714 e outro en 1722 e remataranse os dous medios cruceiros da esquerda e da dereita no ano 1790.

Durante o século XIX levarase a cabo unha reforma case total dos órganos da catedral, será entre 1862 e 1866.

Tamén neste século (1863), redescubriranse as pinturas murais que hoxe se sitúan baixo os órganos, posto que estaban cubertas e non había memoria delas.

Pouco máis queda indicar sobre a evolución interior da catedral mindoniense, salvo o traslado do coro ao brazo esquerdo do cruceiro e a creación, con iso, dunha nave central aberta tal e como a podemos ver hoxe.

Este tempo foi declarado Monumento Nacional en 1902 e en 1962 Xoán XXIII eleva a catedral mindoniense á categoría de Basílica Menor.

Na actualidade conta, ademais, cun Museo de arte sacro dunha gran riqueza que poder ser visitado e alberga o Arquivo Catedralicio onde se garda a documentación histórica que posúe a catedral e o bispado.

Catedral de Mondoñedo (interior, ruta)

Interior do Museo da Catedral

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com