Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Castro de Zoñán

O Castro de Zoñán sitúase entre os barrios de Zoñán e o Rego, dentro da parroquia de Os Remedios. A súa localización, sobre un esporón a metade da ladeira sur do val onde se sitúa o núcleo urbano mindoniense, fai que teña un importante control sobre as zonas baixas e un campo de visión moi amplo.

Zoñán é un clásico dentro da arqueoloxía galega pois foi o primeiro castro en ser escavado no ano 1867 aínda que despois non se volveu a el ata o ano 2002.

Na actualidade este xacemento posúe diversas construcións á vista que poden ser datadas entre o século I e o V d. C. e continúase a traballar nel para ampliar esta área.

Casas, eiras, pequenas rúas de comunicación entre as vivendas, etc. Son parte dos elementos que se poden ver neste castro cun nivel de conservación extraordinario como así o afirman varias vivendas con muros conservados de 1,40 m de altura e con parte dos ocos das ventás orixinarias das construcións.

A visita ao mesmo é libre e vese complementada polos diversos paneis explicativos que se atopan no lugar e que aclaran calquera dúbida sobre o xacemento e as construcións que podemos atopar nel.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com