Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Casa Museo Álvaro Cunqueiro - CMAC

CMAC - Sala interior - 3º

A Casa-Museo Álvaro Cunqueiro nace en Mondoñedo como un espazo moito tempo esperado e dedicado a quen é, de certo, o escritor en galego máis brillante do século XX e un dos grandes autores en lingua castelá. A Casa-Museo agarda ao visitante ou ao viaxeiro na praza da catedral de Mondoñedo, en pleno centro histórico desta vella cidade episcopal.

A este edificio de tres plantas, sito no número 13 da praza da Catedral, oito anos despois do pasamento de don Joaquín, o pai de Álvaro Cunqueiro (1941), trasládanse os irmáns Pepe, Álvaro e Carmen dende a vivenda da Fonte Vella.

Pouco tempo despois do seu regreso a Mondoñedo en 1947, Cunqueiro instalará permanentemente a súa residencia (cara a 1949) neste inmoble do Cantón Grande mindoniense. Aquí verán a luz nos anos sucesivos algunhas das súas obras máis senlleiras, entre elas Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), Las mocedades de Ulises (1960) ou Escola de menciñeiros, por poñer só algúns exemplos.

A planta baixa da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, á que se accede dende os soportais do chamado Cantón Grande, alberga a recepción aos visitantes e, na súa parte interior, a Taberna de Galiana.

O primeiro andar do edificio que habitou Álvaro Cunqueiro ao longo de tres décadas alberga, por unha banda, a cociña do establecemento hostaleiro e, por outra, na estancia que mira á praza da catedral, o que chamamos "sala sensorial".

A segunda planta do edificio divide os seus espazos entre o comedor do establecemento hostaleiro (que, como dixemos, se comunica coa horta do escritor) e unha sala dedicada a explicar a súa obra literaria, tanto no que corresponde á súa faceta poética como as súas creacións máis emblemáticas como narrador ou dramaturgo.

A planta máis alta do edificio ofrécelle ao visitante espazos máis recollidos e que o acercarán á peripecia vital do autor nas décadas en que o habitou, dende finais dos anos corenta ata que traslada a súa residencia a Vigo. A estancia que mira directamente á praza e á catedral mindoniense evoca o seu círculo familiar máis achegado, entre o que creceu e desenvolveu os seus dotes innatos de fabulador.

https://www.casamuseoalvarocunqueiro.es/

Apertura:

Martes a domingo
10:00h a 14:00h
16:00h a 19:00h

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com