Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Persoeir@s

O primeiro lugar dos persoeiros da cultura mindoniense é, como non, para Álvaro Cunqueiro (1911 - 1981), figura de primeira liña da literatura galega e española. Autor de obras como Merlín e Familia, cumio da súa literatura fantástica e que retrata moitos lugares e xentes da zona. Mondoñedo é a terra de Cunqueiro e así se recoñece.

Na literatura Cunqueiro é o referente, pero detrás del hai máis figuras que merecen o recoñecemento de todos os mindonienses, tal é o caso do poeta e etnógrafo Manuel Leiras Pulpeiro (1854 - 1912) que cantará en galego e recollerá gran cantidade de ditos e vocabulario propio do rural, do poeta Antonio Noriega Varela (1869 - 1947) que será o cantor do mundo rural galego e que será coñecido como o "poeta da montaña" ou do cronista Eduardo Lence-Santar y Guitián (1876 - 1960) que se dedicará a recompilar documentos e a facer estudos sobre a historia local e que será nomeado Cronista Oficial de Mondoñedo en 1917 ostentando este cargo até o seu pasamento.

Se ben a literatura é a máis coñecida non é a única fonte de cultura en Mondoñedo, o outro gran piar cultural mindoniense é a música. A catedral de Mondoñedo será o foco produtor de música durante moitos séculos e dará lugar a grandes figuras da música como José Pacheco (1784 - 1865) ou Ángel Custodio González de Santavalla (1749 - 1804), Mestres de Capela da catedral, pero o persoeiro máis recoñecido será Pascual Veiga.

Pascual Veiga (1842 - 1906), alumno de José Pacheco, foi músico, compositor e fundador de orfeóns durante toda a súa vida, pero a súa obra máis importante será a música do Himno Galego, sobre a poesía de Pondal (Os Pinos), que se estreará, trala súa morte na Habana (Cuba) en 1907.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com