Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Descrición Natural

Un dos grandes referentes naturais dentro de Mondoñedo é, sen dúbida, esta cova, así que, despois de ter tratada a riqueza patrimonial desta no capítulo anterior, debemos neste ocuparnos da súa riqueza natural e farémolo centrándonos en dous aspectos: a xeoloxía e a espeleoloxía.

En primeiro lugar, no eido xeolóxico, hai que indicar que a cova de Rei Cintolo se sitúa no macizo calizo de Mondoñedo, que corresponde a un afloramento calcáreo (Caliza de Vegadeo) que discorre dende Abadín a Mondoñedo situándose na rilleira dereita do val conformado polo cauce do río Valiñadares ¿afluente do Masma-.

Este afloramento presenta unha lonxitude duns 5 km, cunha potencia inferior aos 100 m., repousando sobre materiais silíceos pertencentes ás Pizarras de Cándana.

Así mesmo, dentro deste macizo, téñense descubertas máis de 15 cavidades, pero, de entre todas elas, destaca Rei Cintolo cuns 6.500 m. de galerías que a converten na cova máis grande de Galicia.

O val está xeoloxicamente situado na Zona Asturoccidental Leonesa. A unidade estratigráfica corresponde ao denominado Manto Mondoñedo, ubicándose a cova no Cámbrico Inferior e Medio.

No tocante ao eido espeleolóxico, a cova, explorada polo ¿Club Montañeros Celtas¿, estrutúrase en varios niveis de galerías ata acadar unha cota de profundidade máxima de 75 m. dende o punto de entrada.

Presenta unha estrutura onde se poden distinguir catro sectores: Sector Central (en horizontal dende a boca de entrada), Zona Nova, Vía dos Apóstolos e Dédalo Sur (en zonas inferiores). Polo punto máis baixo circula o río Celtas.

En todas estas salas pódense atopar diversos espeleotemas de gran beleza: Estalactitas, Estalagmitas, Columnas, Gourms, Coladas, Bandeiras e un pequeno lago.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com