Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Camiño Norte

O Camiño de Santiago foi, e segue a ser, unha vía por onde circulan persoas, ideas e tendencias, é unha vía aberta de comunicación con Europa e un dos seus ramais pasa por Mondoñedo, é o Camiño Norte.

Este entra dende a costa cara ao interior e atravesa a cidade cara á Terra Cha. A través del, no tramo mindoniense, podemos descubrir múltiples cores, formas e lugares. Camiños que parecen esquecidos, que parecen estancados na Idade Media cando comezaban as peregrinacións,... pero tamén cousas novas que favorecen o paso dos camiñantes como é o Albergue de Peregrinos que na actualidade conta con 24 prazas e todos os servizos precisos para unha estadía cómoda e reparadora.

O Camiño Norte tamén é historia neste Mondoñedo patrimonial. O seu mellor exemplo é o Mosteiro de Os Picos que se alza maxestoso na ladeira.

Sobre este mosteiro franciscano non é posible dar unha data de fundación, pero si podemos afirmar que estaba en pleno auxe en 1382, posto que nese ano o rei D. Xoán I1 de Castela outorga un privilexio con data de 25 de abril no que se confirma outro dado polo seu pai Enrique II2 a 9 de agosto de 1379. No mesmo fai constar a súa gran devoción polo mosteiro de “Villalaurente” e concédelle estas dádivas “... porque é lugar onde se acollen moitos peregrinos e romeiros des que van ao apóstolo Santiago...”, segundo nos di o privilexio.

O mosteiro foi lugar onde se hospedaban os peregrinos e así o premian os reis, pero este non é o único referente, aínda hai outros como poden ser pequenas capelas situadas ao pé do camiño, como a de San Cristovo de Zoñán –patrón dos camiños- ou os cruceiros das encrucilladas que lembran ese tempo antigo no que tiñan un fondo significado espiritual que hoxe, en parte, está perdido.

O tramo mindoniense comeza un pouco máis arriba do barrio de Grove, na parroquia de Vilamor. Un fermoso núcleo entorno a unha pequena ermida adicada á Virxe de Guadalupe. Dende aquí, a través de camiños de terra rodeados de árbores, vai paseniño ao barrio de San Pedro da Torre e ao do Reguengo para logo, baixando xa ao val, entrar en Mondoñedo polo barrio de San Lázaro.

De Mondoñedo sae cara a Terra Cha a través da rúa Rigueira, en dirección aos barrios de Barbeitas e Maariz, da parroquia de Santiago de Mondoñedo, e logo atravesa as parroquias de San Vicente e Sasdónigas ata deixar o territorio mindoniense e adentrarse no veciño Abadín.

O camiño, neste segundo treito, ascende o cauce do río Valiñadares percorrendo a rilleira oeste deste pronunciado val. Esta é zona de abondosa natureza onde podemos ver fauna e flora autóctona.

Case todo o val e un continuo souto roto unicamente polos núcleos habitados e polos saíntes escarpados da parroquia de Argomoso que se contempla ao outro lado do río. Uns saíntes que anuncian un chan calcáreo que agocha tesouros únicos no seu mundo subterráneo de covas.

1 Vida: 1358 – 1390. Reinado: 1379 – 1390.
2 Vida: 1333 – 1379. Reinado: 1368 – 1379.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com