Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Arqueoloxía

O Concello de Mondoñedo reúne un importante número de lugares de interese arqueolóxico sendo os máis abundantes os castros que, nesta zona, teñen unha raíz prerromana e que continúan a estar habitados durante o período romano. Pero, con todo, non son os únicos exemplos, como veremos, sinón que hai outros puntos a ter en conta como poden ser as covas de Rei Cintolo e Furada dos Cas.

Como castros temos unha longa lista: Castro de Zoñán (Zoñán, Os Remedios), Castro da Recadieira (Coto da Recadieira, Os Remedios), Castro de Masma (Outeiro, Masma), Castro de A Penela (Masma), Castro de Lindín (O Castro, Lindín) ou O Coto do Castro (Barral, Argomoso). Todos eles son varios dos exemplos do que podemos atopar aquí.

De entre todos eles destacaremos o Castro de Zoñán, o Castro da Recadieira e o Castro de Lindín.

No Castro de Zoñán, grazas aos traballos de investigación que se están a levar a cabo desde o ano 2002, descubríronse restos de cerámicas, metais e vivendas que nos falan dun último momento de ocupación galaico – romano (até o século V d. C.). Este castro posúe paneis explicativos no seu interior para facilitar as visitas ao mesmo.

Nos outros citados, como o Castro da Recadieira ou o Castro de Masma, téñense atopado torques (colares ríxidos de ouro e prata) e arracadas (pendentes de ouro) de forma casual, algo que dá conta da riqueza da zona na que se sitúa Mondoñedo xa desde épocas pasadas e, por último, no Castro de Lindín consérvase as estruturas defensivas en moi bo estado dando unha idea moi exacta do que eran este tipo de poboados.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com