Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Festas e Celebracións

O Entroido, a festa profana por antonomasia, todos os anos ten a súa celebración en Mondoñedo, diversas actividades dedicadas a todos os públicos culminan coa celebración dun gran concurso de máscaras e un desfile das mesmas polas rúas da cidade.


A Semana Santa, unha das grandes celebracións relixiosas da cristiandade, tamén ten o seu reflexo en Mondoñedo. Desde o Domingo de Ramos ao de Resurección hai celebracións relixiosas e procesións de diversa índole nas que saen á rúa os pasos procesionais propios deste tempo dando lugar a unhas representacións de gran beleza.


As Quendas, que se celebran ao redor do día 1 de maio, son unha feira, unha festa e un día de exaltación dun produto típico como é a empanada. Teñen unha orixe que parece remontarse ao século XVI aínda que estiveron moitos anos sen celebrarse até que se recuperaron na década de 1980.


O primeiro domingo de maio tamén se celebra na parroquia de Masma a Festa do Pescador na que se reúnen un gran número de afeccionados. Nesta festa, ademais do concurso propio de capturas sen morte –as pezas devólvense ao río despois de pescalas-, hai un importante elenco de actividades ao redor da mesma tales como exposicións, actividades na natureza no entorno do río, xogos populares e música.
Unha das festas máis impresionantes de Galicia son as rapas das bestas nas que o home se enfronta directamente aos cabalos salvaxes co fin de raparlle as crinas e marcar aos novos poldros para logo volvelos deixar en liberdade. En Mondoñedo celébrase todos os anos unha Rapa das Bestas no Campo do Oso nos comezos do verán.


A mediados do verán, na segundo fin de semana de agosto, celébrase un Mercado Medieval que pretende rememorar o pasado da cidade. Lévase celebrando desde principios dos anos 1990 e a festa esténdese toda a fin de semana. Nela hai á venda produtos de artesanía, representacións de oficios ancestrais, postos de comida de todo tipo, música na rúa,... e todo culmina cunha gran cea medieval para todos os asistentes que así o desexen.
En setembro, o segundo domingo, celébranse as festas dos Remedios que adoitan estenderse desde o venres até luns. Esta é unha celebración na honra da Virxe dos Remedios que está considerada a patroa da cidade e da diocese de Mondoñedo – Ferrol.


As Feiras e Festas das San Lucas véñense celebrando todos os anos desde 1156. Son as feiras máis antigas de Galicia, do antigo Reino de León e as quintas máis antigas de España. Foron concedidas polo Rei Afonso VII como unha actividade de oito días a mediados de agosto, pero os labores agrícolas fixeron que se desprazasen até mediados de outubro. A principal actividade nestas festas é a feira de gando cabalar e todo o programa de actos está ligado a este tema. Os días de celebración son o 17, 18, 19 e 20 de outubro aínda que pode aumentar algún día máis dependendo do ano e da coincidencia no calendario.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com