Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Entorno Natural

Un dos grandes valores que posúe Mondoñedo é a súa riqueza natural. Localizado ao pé da Serra do Xistral ocupa unha serie de vales e ladeiras dunha gran singularidade paisaxística e biolóxica.

Dende a zona máis alta, nas ladeiras e cimas pertencentes á Serra do Xistral, que está considerara como Lugar de Interese Comunitario (LIC) e incluído na Rede Natura 2000, até as zonas máis baixas, sucadas por múltiples ríos, regos e regatos dos que a principal corrente é o río Masma, temos unha gran diversidade e variedade de paisaxes.

Unha das formas de coñecer esta gran riqueza é a través das rutas de sendeirismo que se atopan sinalizadas. Algúns exemplos poden ser:

A Ruta da Fraga Vella, que discorre nas zonas altas do Xistral e que permite gozar dunha gran variedade de vexetación e fauna.

A Ruta das Rochas, que permite o acceso, desde o val, á zona alta, preto da Toxiza, e tamén dentro da Rede Natura 2000.

A Ruta do Baos, que desde o Padornelo, pasando por Lindín, percorre todo o val de Santa María Maior, ao redor do río Baos.

A Ruta da Auga, que discorre polas ladeiras do val do río Valiñadares e que pasa ao pé da Cova do Rei Cintolo.

Mención aparte merece esta cavidade cárstica, a Cova do Rei Cintolo, que é a máis grande de Galicia cunha lonxitude de galerías estimada en 6.500 metros e na que se poden ver todo tipo de formacións propias do mundo subterráneo: estalactitas, estalagmitas, coladas, columnas, bandeiras,... e todo isto foi formado pola acción da auga dos ríos subterráneos.

Mondoñedo é rico en auga, en ríos grandes e correntes menores, pero a corrente por excelencia da zona é o Masma. Este río que nace no Xistral e que suca estes vales alimentándose de todas as pequenas correntes reúne e amosa unha gran variedade de formas, de vexetacións e de fauna.

Os paseos polas súas ribeiras, contemplar o seu paso desde as pontes... son posibilidades, pero o apartado deportivo non debe de esquecerse neste río, posto que a súa riqueza en piscicultura fan del un dos ríos máis famosos do norte de Lugo: troita, salmón e reo desde a súa parte alta e lamprea xa na zona baixo preto da súa desembocadura.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com