Fondo cabecera Concello de Mondoñedo

Real Seminario Conciliar Santa Catalina

O Seminario mindoniense é unha institución que nace tras os ditames do Concilio de Trento e, posiblemente, grazas ao bispo Frei Pedro Maldonado que participou no mesmo en calidade de teólogo antes de ser proposto polo rei Felipe II para a Sé mindoniense.

Neste punto tanto Concello, como Cabido e bisbo están de acordo e así polo tanto tómase a decisión de poñelo en marcha en 1565 seguindo os ditados de Trento. Así en 1573 o Seminario está en marcha. Estaba nos números 1 e 2 da antiga Rúa do Colexio, logo Rúa Padilla, Rúa Generalísimo Franco e hoxe Rúa Afonso VII.

Este primeiro edificio, co paso do tempo, vese que non reúne as condicións axeitadas á finalidade pretendida nin na súa estrutura nin nas ensinanzas que se imparten o que se impón a necesidade de trasladar o Seminario a unha nova localización.

O bispo Francisco Losada y Quiroga será o artífice do novo edificio pois, tras pedir permiso ao rei para a obra e obter autorización, afrontará a súa construción nunha horta chamada de ¿O Torrillón¿ de propiedade episcopal tras a Catedral. A primeira fase do actual edificio, obra do Mestre Igancio Estévez, constrúese entre os anos 1770 e 1775. Constaba dun único claustro con planta baixa e primeiro andar.

Búscase que esta nova construción sexa un lugar axeitado para a formación dos seminaristas. Por iso ademais de pretender que o novo Seminario sexa moderno, preténdese ensinar non só gramática senón tamén Filosofía e Teoloxía, dúas ramas do coñecemento que no edificio anterior non se ensinaban por falta de espazo.

Nesta pretensión de facer do Seminario un centro de cultura trasládase en 1775, tras solicitude ao rei, a Biblioteca Pública a neste novo edificio. Esta biblioteca en 1778 contaba xa con 245 obras.

Durante o século seguinte (XIX) este lugar sofre múltiples avatares xa dende os comezos. Así en 1809, en plena Guerra de Independencia contra os franceses, o Seminario será empregado polo xeneral Francisco Founier como cuartel para as súas tropas nos tres meses que os franceses ocupan Mondoñedo.

Un pouco máis adiante, en 1836, durante as Guerras Carlistas, tamén será este un lugar reaproveitado para uso militar. Convértese en forte defensivo co que será preciso trasladar as aulas ao mosteiro de San Pedro de Alcántara.

Despois de todo isto, cara a finais de século, hai un cambio na tendencia e procédese a unha ampliación do edificio construíndo un segundo andar entre os anos 1888 e 1889 a instancias do bispo Cos y Macho. Os planos do mesmo foron firmados polo arquitecto provincial Nemesio Cobreros e o mestre de obras foi José Rivas, procedente de Lugo.

O século XX foi, si cadra, o de maior esplendor do Seminario pois a mediados de século dobra a súa capacidade. Agora, en primeiro lugar, construirase un novo pavillón para mordomía, cociña, despensa e refectorio e, posteriormente, entre 1947 e 1953, levaranse a cabo novas obras co fin de duplicar a capacidade do Seminario, así constrúese un novo claustro e unha gran capela.

Actualmente o edificio posúe dous claustros e un pavillón con dous e tres andares, no interior alberga varias capelas e una biblioteca onde se gardan obras de gran interese entre las que destaca algún incunable. Sigue funcionando como Seminario Menor.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Mondoñedo
Concello de Mondoñedo
Plaza do Concello N°1 – 27740 Mondoñedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 524 003
E-mail: concellomondonedo@gmail.com